A celebración das Letras Galegas 2026 encheu de vida os corredores do centro cunha sentida homenaxe á escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño. Esta muller exemplar, cun fondo compromiso feminista e profesional na Radio Galega, revelouse como unha narradora extraordinariamente madura con novelas tan sobranceiras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, onde nos ensina a ler os mitos cunha ollada feminina.
Para achegar a súa figura a toda a comunidade educativa, o alumnado de 2º de ESPA organizou diversas actividades arredor da autora. Despois de ler e analizar polo miúdo as súas biografías, deseñaron unha exposición sobre a súa vida e o seu activismo.
Grazas ao traballo deste grupo, a traxectoria e as obras de Begoña Caamaño presiden agora os corredores da EPAPU. Esta necesaria exposición convértese nunha homenaxe aberta que anima a todo o alumnado a descubrir e valorar o valioso legado literario que nos deixou.








No hay comentarios:
Publicar un comentario