viernes, 29 de mayo de 2026

Descubrindo os segredos de Pontevedra

 O alumnado da ESPA  tivo a oportunidade de vivir unha xornada única polas rúas de Pontevedra. Cun tempo que nos acompañou en todo momento, realizamos unha visita guiada grazas á guía turística do Concello de Pontevedra, quen nos descubriu a cara máis emblemática, fascinante e, ás veces, oculta da cidade do Lérez.

O obxectivo? Aprender a ler a nosa historia a través das pedras, dos nomes das prazas e das lendas que forman o noso patrimonio cultural. 




Para moitos de nós, Pontevedra é unha cidade coñecida, pero este paseo amosounos que aínda garda segredos que o alumnado descoñecía por completo.

Quedamos fascinados coa arquitectura sacra da cidade, pero o que nos chamou a atención foi o detalle curioso das "lentes" na fachada da Basílica de Santa María a Maior. Sabías que hai unha figura con anteollos esculpida na pedra? 




O percorrido levounos polo corazón do centro histórico, un dos mellor conservados de Galicia, onde puidemos admirar os lugares máis emblemáticos da cidade. Desde a Igrexa da Peregrina e a espectacular fachada da Basílica de Santa María a Maior , ata as Ruínas de San Domingos, o alumnado viaxou no tempo a cada paso. Tampouco faltaron paradas con gran carga histórica e cultural, como a casa onde viviu Valle-Inclán.


Desde o Equipo de Normalización Lingüística queremos destacar o ben que o pasou o alumnado, que desfrutou ao máximo da experiencia mentres conectaba coas súas raíces. Esta actividade demostrounos, unha vez máis, que o galego é a lingua coa que mellor se entende o noso pasado e coa que debemos construír o noso futuro.

Coñecer a nosa historia en galego axúdanos a valorar máis o que somos. 

miércoles, 20 de mayo de 2026

Illa de San Simón. Poesía e historia.

 Como colofón a un curso cheo de lecturas e complicidades, os integrantes club de lectura, "O dondo colo do vento", puxemos rumbo á illa de San Simón. Esta viaxe no corazón da ría de Vigo non foi unha simple excursión, senón un auténtico paseo de aprendizaxe, convivencia e posta en valor da nosa memoria cultural. Acompañados por unha xornada radiante, desfrutamos dun sol espléndido nesta paraxe tan singular.








Nesta xornada transformamos a Illa de San Simón en memoria viva a través da palabra. Nun ambiente de profundo respecto, fomos desfiando e recitando diversos poemas centrados na liberdade, a xustiza e a paz. As voces dos nosos lectores uníronse para dar vida aos versos de autores inesquecibles como Miguel de Cervantes, Xela Arias, Manuel María ou Celso Emilio Ferreiro, cuxo eco resonou con forza fronte ao mar.









Esta última actividade deixa testemuño do espírito que move o noso club: un espazo para facer comunidade, medrar xuntos e comprobar que a literatura esténdese moito máis alá das aulas. Co recordo dos poemas compartidos baixo o sol de San Simón, despedímonos agora si ata o vindeiro curso. 

¡Grazas a todos por facelo posible e feliz verán!



domingo, 17 de mayo de 2026

Letras Galegas 2026: a luz e a voz de BEGOÑA CAAMAÑO

 A celebración das Letras Galegas 2026 encheu de vida os corredores do centro cunha sentida homenaxe á escritora, xornalista e activista Begoña Caamaño. Esta muller exemplar, cun fondo compromiso feminista e profesional na Radio Galega, revelouse como unha narradora extraordinariamente madura con novelas tan sobranceiras como Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, onde nos ensina a ler os mitos cunha ollada feminina.



Para achegar a súa figura a toda a comunidade educativa, o alumnado de 2º de ESPA organizou diversas actividades arredor da autora. Despois de ler e analizar polo miúdo as súas biografías, deseñaron unha exposición sobre a súa vida e o seu activismo.



 







Grazas ao traballo deste grupo, a traxectoria e as obras de Begoña Caamaño presiden agora os corredores da EPAPU. Esta necesaria exposición convértese nunha homenaxe aberta que anima a todo o alumnado a descubrir e valorar o valioso legado literario que nos deixou.






miércoles, 13 de mayo de 2026

O EDLG e "O dondo colo do vento" despiden o curso escolar con Comerás Flores de Lucía Solla


O curso escolar vai tocando ao seu fin e no club de lectura da EPAPU, "O dondo colo do vento", seguimos tecendo historias, compartindo reflexións , alimentando a alma e o estómago!



Nesta terceira e última sesión do ano, mergullámonos de cheo nunha das obras máis exitosas deste ano: Comerás flores  da escritora marinense Lucía Solla.








Para recibir a un grupo que non para de medrar e que cada día é máis participativo, preparamos un ambiente único: flores, froita e pasteis que adozaron unha tarde de debate vibrante, reflexións e moita complicidade literaria. É un auténtico luxo ver como este espazo se converteu nun punto de encontro tan vivo e acolledor para o alumnado e profesorado.


Aínda que esta foi a última xuntanza arredor do libro neste curso, a actividade do club non para. Como broche de ouro e antes de despedirnos ata o próximo ano, a vindeira semana viviremos unha xornada inesquecible: realizaremos un percorrido literario pola Illa de San Simón.



Queremos dar as grazas a todas e cada unha das persoas que formades parte de "O dondo colo do vento". Grazas por achegar a vosa sensibilidade, o voso tempo e a vosa ilusión a cada páxina.




Descubrindo os segredos de Pontevedra

  O alumnado da ESPA  tivo a oportunidade de vivir unha xornada única polas rúas de Pontevedra. Cun tempo que nos acompañou en todo momento,...