jueves, 26 de marzo de 2026

O EDLG e "O dondo colo do vento" tecen lecturas con Emmanuel Carrère

 

No club de lectura da EPAPU, "O dondo colo do vento", seguimos tecendo historias e reflexións. Nesta segunda sesión, mergullámonos nunha das obras máis inquietantes e fascinantes da literatura recente: L'Adversaire (O adversario) de Emmanuel Carrère.



A lectura desta obra levounos moito máis alá da crónica negra. Partindo do caso real de Jean-Claude Romand, o home que mentiu á súa familia durante dezaoito anos antes de cometer o irreparable, o alumnado e o profesorado compartimos un intenso tempo de debate sobre o protagonista, o papel do narrador,  do autor e cuestionamos os  valores da sociedade actual.




O máis enriquecedor da xornada non foi só a análise literaria, senón a capacidade do alumnado para conectar os dilemas do libro coa propia condición humana. Nos encontros do club de lectura as páxinas son só a escusa para que a palabra circule libre e crítica.

Grazas a todas e todos os participantes por achegar a vosa visión e por facer desta sesión un espazo de reflexión tan profundo e necesario.

lunes, 23 de marzo de 2026

O mundo rima nas diferentes linguas do noso alumnado

 

O pasado 21 de marzo, as paredes do noso centro escoitaron versos e latexos...No marco do proxecto Tecendo Linguas, o alumnado de 2º ESPA e de Español para Estranxeiros uniron as súas voces nun recital plurilingüe que emocionou a todos os presentes.




A poesía, esa linguaxe universal que non entende de fronteiras, serviu de fío condutor para conectar as orixes de cada estudante. Escoitamos a música de versos en ucraíno, ruso, árabe, portugués, ingles e  castelán.




Pero o tear non quedou aí: as linguas de orixe entrelazáronse coa nosa, o galego, a través das verbas de grandes referentes como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, que compartiron espazo con Bécquer ou Lorca. Todo isto, envolto nunha atmosfera máxica grazas á música que acompañou cada declamación.



Queremos darlles as grazas a Irina, Mariia, Khadija (Jeddi), Hansa, Víctor, Wendwly, Alex, Jesús, Thomás, Sandra, Sara, María, Roberto, Dani, Luna, Jose e Érika por prestarnos a vosa voz, polo voso agarimo e por demostrar que a literatura está máis viva ca nunca.






Mentres haxa alguén disposto a recitar e alguén disposto a escoitar, o noso centro seguirá sendo un lugar máis humano, máis libre e, por suposto, máis fermoso.


Que viva a poesía e que viva a nosa diversidade!

miércoles, 18 de marzo de 2026

Unha viaxe pola nosa historia: do Tesouro de Caldas de Reis a Castelao

 

O alumnado de 2º e 4º de ESPA da quenda de tarde desprazouse ata o Museo de Pontevedra para vivir unha xornada de inmersión na historia e na cultura galega. Unha visita que nos levou desde os inicios da nosa era ata o pensamento do intelectual que deseñou a Galicia moderna.


Coincidindo co 76 aniversario do seu pasamento en Bos Aires (7 de xaneiro de 1950), percorremos as salas dedicadas a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Despois de ler e estudar as súas obras na aula, os alumnos e alumnas puideron ver de preto a pegada física do xenio de Rianxo.





A segunda parte da visita levounos moito máis atrás no tempo para admirar o Tesouro de Caldas de Reis (ou Depósito das Silgadas). Quedamos abraiados ante a maior acumulación de ouro da prehistoria europea!

martes, 3 de marzo de 2026

Exposición "O galego tamén noutros mundos"

 

Este mes de marzo vivimos un momento moi especial no noso centro. No marco do proxecto Tecendo Linguas, que vimos desenvolvendo durante todo o curso para fomentar a convivencia e a diversidade lingüística, organizamos unha nova iniciativa: a inauguración da exposición "O galego tamén noutros mundos".



Por que esta exposición? Ás veces, na nosa rutina diaria, corremos o risco de pensar que a nosa lingua é algo só para usar na casa ou na clase. Cun alumnado tan diverso, era vital amosar que o galego non é unha illa, senón unha ponte.

O noso obxectivo é claro: queremos que todos e todas , os que naceron aquí e os que viñeron de fóra, sintan orgullo pola nosa lingua e, sobre todo, que valoren a súa utilidade e prestixio internacional.



Ao longo desta semana, as distintas clases foron visitando a mostra. Foi incrible ver as caras de sorpresa do alumnado ao descubrir que hai xente estudando galego en universidades de Oxford ou Berlín, ou ao ler que hai poetas estadounidenses que escollen a nosa lingua para escribir.


Con esta iniciativa, o proxecto Tecendo Linguas demostra que normalizar o galego tamén é amosar a súa cara máis aberta e global. 



A exposición pecha cun panel moi especial: "O galego tamén no meu mundo". Nese espazo, o alumnado pode interactuar, reflexionar e contarnos que palabra ou emoción lle regalarían ao mundo en galego. Porque o futuro do galego depende de nós, de que sexa unha ferramenta útil e viva nas nosas mans.





O EDLG e "O dondo colo do vento" tecen lecturas con Emmanuel Carrère

  No club de lectura da EPAPU, " O dondo colo do vento" , seguimos tecendo historias e reflexións. Nesta segunda sesión, mergullám...