miércoles, 25 de febrero de 2026

Día de Rosalía, 23 de febreiro. Poetízate!



Este 23 de febreiro, na EPAPU do Río Lérez, non só conmemoramos o aniversario do nacemento da nosa poeta máis universal; celebramos que a súa voz segue viva e con forza entre nós. Baixo o lema  "Poetízate!", o centro converteuse nun espazo de descubrimento onde o alumnado explorou o mundo de Rosalía a través de diversos retos e concursos.

A sorpresa da xornada foi o premio: un chaveiro co perfil de Rosalía fabricado na impresora 3D do centro.

Con esta iniciativa, queríamos que cada alumno e alumna "poetizase" o seu día a día. Ao levar a Rosalía no peto, non só portan un obxecto deseñado con tecnoloxía propia, senón que levan consigo o orgullo da nosa lingua e a chave que abre as portas da nosa cultura.

Dende o Equipo de Normalización Lingüística queremos agradecer a participación e o entusiasmo do alumnado e profesorado. Ver como as máquinas 3D daban forma ao rostro de Rosalía mentres nos corredores soaban os seus versos foi a proba de que na  EPAPU a tradición e a modernidade camiñan da man.














viernes, 30 de enero de 2026

Día da Ilustración: SIRO

 





O Día da Ilustración celébrase cada ano o 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao. É unha xornada para recoñecer e poñer en valor o traballo dos profesionais da ilustración dentro da industria cultural galega e, ao mesmo tempo, para render homenaxe a un ilustrador ou ilustradora do país. Na edición de 2026, a celebración está dedicada a Siro López.

No equipo de Normalización Lingúística non quixemos perder a oportunidade de celebrar o talento deste artista galego, e fixémolo cunha actividade que mestura arte, misterio e tecnoloxía...

Como podes participar no reto? 

  • Observa: mira ben as caricaturas de Siro nos corredores.

  • Escanea: usa o móbil no código QR de cada panel.

  •  Investiga: le as pistas que aparecerán na túa pantalla.

  • Escribe: anota o nome do escritor/a na túa ficha.

  • Entrega a ficha e participa no sorteo de libros e entradas de cine!










miércoles, 10 de diciembre de 2025

O EDLG e "O dondo colo do vento" tecen lecturas con Arantza Portabales

 



Cando o club de lectura "O dondo colo do vento" e o Equipo de Normalización Lingüística unen forzas, o resultado son experiencias tan enriquecedoras como o noso último encontro literario, onde disfrutamos da novela de Arantza Portabales, Deixe a súa mensaxe despois do sinal. 

Falamos de todo aquilo que nos conforma como persoas: da soidade e do poder sanador da palabra; do amor, dos divorcios e da dureza da enfermidade. Do que calamos (os silencios) e de realidades tan crúas como os abusos ou a prostitución.

A través das protagonistas, descubrimos a mulleres tan reais coma nós, que nos ensinaron que a literatura é a mellor ferramenta para entender o mundo. 

Grazas a todas e todos por facer deste encontro un momento tan humano e sincero.






viernes, 28 de noviembre de 2025

Os nosos idiomas!

 





Os nosos corredores falan todos os idiomas do mundo!

 A finais de novembro, a EPAPU Río Lérez converteuse nun auténtico escaparate de linguas. O alumnado de Aprendizaxe de Español e o alumnado de 1º de ESPA presencial encheron os nosos corredores de diversidade lingúística.

Baixo o marco do proxecto "Tecendo Linguas", traballamos a importancia de preservar e celebrar as linguas que cada alumno trae consigo ao centro. O resultado? Unha fantástica exposición de expresións en moitísimos idiomas.

Grazas ao alumnado pola súa creatividade e por ensinarnos que, aínda que falemos diferente, todos compartimos o mesmo espazo de respecto e aprendizaxe.










martes, 25 de noviembre de 2025

Non á violencia contra as mulleres! 25 N



 

Neste 25N, na EPAPU Río Lérez, alzamos a voz para manifestar a nosa firme condena contra a violencia machista. Dentro do proxecto "Tecendo Linguas", quixemos demostrar que, máis alá da nosa procedencia, a loita pola igualdade é universal.

Baixo a premisa de que o respecto é a nosa lingua común, o alumnado colaborou representando a palabra MULLER en todos os seus idiomas de orixe. O resultado foi un mosaico multicultural onde o galego actúa como fío que une e protexe a diversidade.

Porque non importa como o digas nin de onde veñas, o noso centro di NON á violencia contra as mulleres.

#25N #EPAPURíoLérez #TecendoLinguas #Igualdade #Pontevedra #RespectoEnTodasAsLinguas








miércoles, 15 de octubre de 2025

Rosalía coma ti

Este mes de outubro, as paredes do centro enchéronse de forza, cor e poesía coa exposición "Rosalía coma ti". Con textos de María Lado e as ilustracións de Belén Diz, descubrimos unha Rosalía de Castro moi lonxe do mito da "santinha": unha muller valente, feminista e innovadora que traballou sen descanso pola normalización da nosa lingua.

Como parte da actividade, o alumnadop articipou nun cuestionario didáctico para afondar na súa vida e obra e visitou a nosa exposición de libros, descubrindo a Rosalía máis universal.

Rosalía foi a primeira en tecer a nosa lingua coa modernidade, e na EPAPU Río Lérez seguimos o seu rastro. ¡Pásate polo corredor e déixate inspirar!

#EPAPURíoLérez #TecendoLinguas #RosalíaComaTi #NormalizaciónLinguística #Pontevedra #CulturaGalega









Benvidos ao curso 2026-2027!

  Ola a todas e a todos! Comeza un novo curso na EPAPU Río Lérez e, con el, retomamos este espazo de dinamización lingüística que tan boa a...